Seguro que todos coñecedes o "As bruxas". Podedes atopalo na Biblioteca Escolar, tanto en galego como en castelán. Unha lectura recomendable, agora que acabamos de pasar Halloween.
As Bruxas de Roald Dahl narra a historia dun
rapaz e maila súa avoa que se enfrontan á terrible Asociación de Bruxas de
Inglaterra, mentres estas, baixo a aparencia de mulleres correntes celebran a
súa convención anual nun hotel… Ninguén cre nas bruxas, pero haber hainas. E
estas das que fala Roald Dahl posuén podeorosísimos nenicidas. Os nenos para
unha bruxa son sucios e fedorentos, o inimigo que hai que exterminar… E non son
esas vellas feísimas de voz renxente, traxes negros, sombreiros picudos e vasoiras
aerodinámicas. Non. Aquí fálase das bruxas verdadeiras, das que fan traballos
normais, levan unha vida normal e adoitan levar luvas porque, na realidade,
teñen gadoupas por mans, pés cadrados sen dedas, e utilizan caramelos e
chocolates como engado para destruír nenos.
As bruxas é un libro onde o lector atopará moito
humor e disfrutará coa maneira sinxela e trepidante coa que o autor mantén a
súa atención. Unha historia contada en frases curtas e secuencias claras onde a
acción, de golpe, envolve todo o discurso narrativo. Unha voráxine de
situacións, de anécdotas, de aventuras que non dan tregua ao lector ata o seu
remate.
No ano 1990 fíxose unha adaptación ao cine, coa película "A maldición das bruxas".
O curso pasado, os alumnos que agora están en 5ºB fixeron un traballo para recoller as súas opinións sobre o libro (ollo, contén "spoilers").
No hay comentarios:
Publicar un comentario